Utilizamos cookies de terceros para mejorar continuamente nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.   Saber máis - Aceptar.

 

 ABE IMPULSA A PROFESIONALIZACIÓN DAS SÚAS REDES SOCIAIS CUN PROXECTO AUDIOVISUAL DE SEIS MESES

 

 

Boiro 17 de marzo de 2025

 

A Asociación Boirense de Empresarios (ABE) pon en marcha un ambicioso proxecto para mellorar a súa presenza en redes sociais, apostando pola profesionalización dos contidos e a creación de campañas máis estratéxicas e impactantes. Esta iniciativa, que terá unha duración de seis meses, será desenvolvida pola axencia de comunicación Kracia, empresa asociada, especializada en marketing dixital e audiovisual.

 

Un salto de calidade para as redes sociais do ABE

 

A día de hoxe, o ABE conta con miles de seguidores nas súas redes sociais e cunha actividade constante de publicacións. Con este novo proxecto, o obxectivo é dar un salto cualitativo na creación de contidos, mellorando a calidade, o impacto e o alcance das publicacións para atraer novos clientes e dinamizar o comercio local.

 

O plan de traballo inclúe:

  • Optimización das contas de Instagram e Facebook, con actualizacións na biografía, incorporación de banners de contacto e mellora da estrutura das páxinas.
  • Creación de contidos audiovisuais de calidade, adaptados ás tendencias actuais das redes sociais.
  • Publicación mensual de oito vídeos, gravados e editados en formato profesional para maximizar o impacto e o engagement.
  • Selección estratéxica dos negocios participantes en cada vídeo, en función do contido, campañas en marcha e actualidade do sector.
  • Análise e optimización continua do rendemento das publicacións, para garantir que a estratexia cumpra os seus obxectivos.

 

Un proxecto inclusivo para todos os negocios asociados

Unha das prioridades do ABE neste proxecto é asegurar que as 208 empresas asociadas teñan presenza nos contidos audiovisuais. Por iso, de maneira rotativa, todos os negocios asociados irán aparecendo nos vídeos ao longo dos seis meses. A axencia será a encargada de seleccionar a cada empresa en función do tipo de contido que se vaia a crear, sempre tendo en conta as campañas activas e a actualidade comercial.

Para a gravación dos vídeos, realizarase unha sesión unha vez ao mes, na que se crearán os oito vídeos correspondentes ás publicacións dese período.

O compromiso do ABE co comercio local

Desde a directiva do ABE destacan a importancia desta iniciativa como unha ferramenta clave para o crecemento do comercio local, como indicou o presidente, Daniel García "Sabemos que hoxe en día as redes sociais son unha ferramenta fundamental para chegar aos clientes, pero tamén somos conscientes de que é necesario ofrecer contidos atractivos e profesionais. Con este proxecto, queremos axudar aos nosos asociados a destacar nun mercado cada vez máis dixitalizado",

Este proxecto reforza a aposta do ABE pola innovación e o apoio ao comercio de proximidade, utilizando estratexias modernas para conectar aos negocios locais coa súa clientela e aumentar o seu impacto.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar